Día Mundial da bicicleta

Co gallo do Día da Bicicleta, que se celebra o 19 de abril a nivel mundial, a Deputación de Pontevedra súmase ás reivindicacións propias desta xornada, entre as que destacan a promoción do uso deste medio de transporte, e a defensa dos beneficios que reporta para a saúde e para a mobilidade sostible.

En concordancia con estes postulados, o departamento provincial de Mobilidade ten convocada para o vindeiro 26 de abril a primeira xuntanza da Mesa Provincial da Bicicleta. Trátase dunha iniciativa que se concibe como un punto de encontro para que asociacións e administracións poidan traballar de xeito conxunto na mellora das estradas a prol dunha correcta convivencia entre os diferentes tipos de desprazamentos e dun cambio de usos cara a mobilidades cotiás máis amables.

A Mesa Provincial da Bicicleta enmárcase nunha política de mobilidade máis acorde coas demandas urbanísticas, medio ambientais e sociais de máximo respecto ao territorio e ao patrimonio construído e de proporcionalidade entre medios e fins.