Día das Letras Galegas

Día das Letras Galegas

Apostando polo Galego os 365 días do ano

Verás. O día aquel que che escribín contándoche todo, resulta que a iso das cinco da tarde chegaron os gardas a buscar a galiña azul, de parte de Manolito Listón. Ía moito sol e podía ser un día ben ledo se non fose pola pena que tiñamos todos.

A xente congregouse diante da casa de Lorenzo. Habería para aí máis de mil persoas. Eu tamén fun.

A que non adiviñas o que pasou? Pois o día anterior alguén discorreu que a mellor maneira de arranxar as cousas sería tinguir de azul todas as galiñas do lugar, pintándolles de vermello cinco plumas da á dereita e despois soltalas arredor da galiña azul de Lorenzo. como nós non temos galiñas na casa, eu fun mercar unha á feira de Allariz e tinguina de azul tamén.

Cando chegaron os gardas, atoparon tanta galiña igual que non sabían cal era a de Lorenzo.

Só houbo un pequeno despiste. Foi cousa de Leoncio, que se trabucou e apareceu cunha galiña pintada de vermello. Cando lla viron os gardas, queríanlla matar. Se o vises escapar coa súa galiña debaixo do brazo e berrando: "Para gustos fixéronse colores!".

Carlos Casares, 1968. A galiña azul. Editorial Galaxia

 

A Deputación de Pontevedra, no Día das Letras Galegas, quere salientar a súa aposta pola promoción da lingua os 365 días do ano entre os colectivos e os concellos da provincia:

Pontegal 2017. É o programa mediante o cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos, compañías e artistas inscritos en dito programa. Todas as actuacións e toda a promoción dos eventos deben realizarse obrigatoriamente en galego.

Convocatoria para entidades sen fins de lucro para as actividades de dinamización da lingua galega do ano 2017. Trátase dunha liña de axudas que busca fomentar as actividades encamiñadas á dinamización do galego no ámbito socioeconómico. Para acadar estes fins contempla o financiamento de actividades en catro apartados: ‘fomento da creación e da difusión cultural en lingua galega', ‘sociolingüística e toponimia', ‘fomento do emprego do galego no comercio e na industria', e ‘recoñecementos e distincións'.

Convocatoria para a dinamización lingüística, dirixida aos concellos e outras entidades locais. Esta liña de axudas prima a creación e consolidación de servizos de normalización nas administracións locais. Tamén contempla a promoción de programas de dinamización da lingua galega a través de accións transversais en ao menos tres eidos dun total de oito: ensino, comercio, tecnoloxías da información, turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social.