agenda
Exposición “Imaxinar a educación. 50 anos con Frato”

Exposición “Imaxinar a educación. 50 anos con Frato”

Desde 28 abr 2017 ata 11 xuñ 2017
Pazo da Cultura. Rúa Alexandre Bóveda, s/n. Pontevedra
Educar non é unha tarefa fácil. A educación necesita unha reflexión constante e unha renovación permanente e para iso é moi conveniente dispoñer de espellos que devolvan a imaxe do que non se fai ben. O humor é un dos espellos máis importantes. É o que, desde hai medio século, vén facendo Frato.
As súas viñetas reflicten, sempre desde a perspectiva das nenas e nenos, os erros e as contradicións da educación nas sociedades urbanas e desenvolvidas. A exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" é unha invitación a pensar, a discutir prácticas desacertadas, a imaxinar un cambio. E ao mesmo tempo é unha oportunidade para mostrar a intelixencia e a creatividade da infancia, a súa capacidade para aprender e construír.
Información

Conferencia inaugural a cargo de Francesco Tonucci: venres 28 de abril ás 17:30 h, auditorio do Pazo da Cultura (entrada libre)

Horario de visita:

  • Luns: 10:00 - 14:00 h
  • Martes – venres: 10:00 – 14:00 h / 17:00 – 20:00 h
  • Sábados: 11:00 – 13:30 h / 17:00 – 20:00 h
  • Domingos e festivos: 11:00 – 14:00 h

Entrada libre

Contacto para información: expotonucci@depo.es   

Unha exposición producida polo Parque das Ciencias de Granada e organizada polo Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra

FRANCESCO TONUCCI

Francesco Tonucci é un investigador e pedagogo italiano nado en Fano o 5 de xullo de 1940. En 1966 realizou os seus primeiros debuxos de carácter pedagóxico e desde 1968, co heterónimo de Frato, comezou un traballo gráfico sistemático coa intención de expoñer o seu pensamento educativo a través de viñetas e debuxos. Unido ao Parque das Ciencias desde a súa orixe, como fonte de inspiración e como impulsor da súa creación, agora volve ao museo para mostrar a través desta exposición o seu concepto da educación baseado no respecto e a escoita das nenas e nenos e no valor da participación para fomentar a aprendizaxe e promover a curiosidade.

O seu traballo é moi valorado internacionalmente e tamén en España e en Andalucía, onde se lle outorgou a Medalla de Ouro ao Mérito en Educación no ano 2012.