depotermal

Depotermal

Este plan ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloran o seu estado anímico potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias, evitando o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.

  • O plan termal da Deputación "Depotermal" 2017 pon en marcha dous programas termais:
    • Programa de asistencia diaria a balnearios durante cinco días consecutivos
    • Programa termal con pernoita en réxime de pensión completa de domingo a venres
  • Todos os concellos da provincia de Pontevedra poderán sumarse ao plan mediante un acordo de adhesión (modelo número 231.003 D) adoptado polo órgano competente, remitindo unha certificación expedida pola Secretaría do concello de que se trate. O prazo para que os concellos soliciten a adhesión será do 17 ao 31 de maio de 2017.
  • Poderán beneficiarse do plan termal as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que non padezan ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do plan e que cumpran algún dos seguintes requisitos:
    1. Nacer antes do 1 de xaneiro de 1967, feito que se deberá acreditar cunha fotocopia do documento nacional de identidade (DNI) ou co número de identidade de estranxeiro (NIE), segundo o caso
    2. No caso de nacer o 1 de xaneiro de 1967 ou con posterioridade, ter a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións, para o que se deberá achegar unha fotocopia do certificado correspondente
    3. No caso de nacer o 1 de xaneiro de 1967 ou nunha data posterior, ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, o que se acreditará coa tarxeta ou certificado de recoñecemento do grao de discapacidade
    4. Precisar dun respiro familiar, o que se acreditará mediante o modelo de informe (modelo número 231.003 B ) da traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos

No caso de parellas que desexen participar no plan de forma conxunta, é preciso que as dúas persoas cumpran os requisitos esixidos nestas bases.

As persoas beneficiarias deben reunir ademais os seguintes requisitos:

  1. Non padecer alteracións de comportamento que poidan perturbar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer unha enfermidade transmisible con risco de contaxio
  2. Poder valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria

O prazo e lugar de presentación de solicitudes das persoas beneficiarias será de 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación na web da lista de concellos adheridos. O día 1 de xuño publicarase a lista dos concellos adheridos e o prazo de presentación de solicitudes das persoas beneficiarias será do 2 de xuño ao 3 de xullo de 2017.

Formas de presentación das solicitudes

  1. Presentación de solicitudes mediante formulario web (escoller preferentemente esta opción)
    1. Preinscrición a través de www.depo.es:
      Cubrir os datos do formulario oficial de solicitude e premer o botón "enviar", a continuación descargar e imprimir o xustificante electrónico xerado pola páxina web tras realizar o envío. Este xustificante incluirá un código único de preinscrición.
    2. Presentar o xustificante electrónico xerado durante o proceso de preinscrición, xunto coa documentación establecida nesta mesma base, no Rexistro xeral da institución provincial ou en calquera das formas descritas dentro do prazo establecido nesta mesma base.
      Para as persoas participantes de concellos adheridos ao plan termal "Depotermal" 2017 prégase que preferentemente se opte pola presentación mediante o formulario web acudindo ao departamento de servizos sociais do concello de residencia, no que lles axudarán a cubrir o formulario electrónico. Poderase consultar a lista de concellos adheridos na páxina da Deputación a partir da finalización do prazo de adhesións dos concellos definido nas bases.
  2. Presentación de solicitudes mediante formulario impreso
    Os modelos de solicitude estarán á disposición das persoas interesadas na Oficina de Información á Cidadanía da institución provincial, na súa oficina de Vigo e en www.depo.es.

Documentación

As solicitudes deberán formularse seguindo o formulario web ou o modelo número 231.003.

Deberanse cubrir todos os apartados da solicitude, sinalando só un establecemento termal para cada modalidade do programa.

Así mesmo, deberase achegar unha copia do DNI ou NIE e, segundo o caso, o certificado da pensión, a tarxeta ou o certificado de recoñecemento do grao de discapacidade, ou o informe da traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos para xustificar a condición de persoa beneficiaria do respiro familiar, tanto no caso da persoa solicitante coma da acompañante.

No caso das prazas reservadas subvencionadas deberá remitirse a valoración social referida na base quinta nos termos establecidos nesta convocatoria.