Deportes-Depo Andainas

A Illa de Arousa. O Carreirón

As persoas que se anoten á andaina o martes 13 e o mércores 14 non teñen dispoñibilidade de transporte. As prazas de autobús están cubertas desde o luns 12 de xuño

  • Data da andaina: domingo 18 de xuño de 2017
  • Apertura de inscricións: 5 de xuño de 2017
  • Peche de inscricións: 14 de xuño de 2017
  • Localidade: A Illa de Arousa
  • Hora de inicio da andaina: 09.30 
  • Hora de finalización da andaina: 13.30 (aproximadamente)
  • Hora de encontro: 09.00 
  • Punto de partida e de encontro: aparcadoiro da praia do Bao, A Illa de Arousa
  • Horario do autocar (110 prazas)
    • Ruta 1: Pontevedra (praza de Galicia), 08.00 h
    • Ruta 2: Vigo (praza de España), 7.30 h; Pontevedra (praza de Galicia), 8.00 h
  • Actividade gratuíta
  • Dificultade: baixa
  • Distancia: 10 km
  • Duración: 4 h
  • Tipo de percorrido: circular
  • Descrición da ruta:

    Percorremos un dos grandes lugares da Illa de Arousa e máis descoñecidos para a poboación: o Parque Natural do Carreirón, no extremo sur da illa. 

    Partimos do aparcadoiro da praia do Bao, ao pé da ponte que une o lugar co continente. Avanzamos por unha pasarela cara ao parque, divisando os entrantes e saíntes, percorrendo todo o litoral e gozando das vistas das mellores praias das Rías Baixas: a de Xestelas coa ponte de fondo, a de Lameira,  a praia Dente de Can e a de Lontreira, na que, con sorte, poderemos avistar arroaces e outros cetáceos, mesmo o esqueleto dun antigo barco de madeira.

    No percorrido descubrimos auténticas obras escultóricas labradas polo mar e o vento en forma de cons (rochas ou penedos); os máis coñecidos atópanse nesta parte da illa: con dos Tres Pés, con do Fociño do Porco, con do Crocodilo…, que farán que as persoas participantes deixen voar a súa imaxinación. Internándonos no parque chegamos á lagoa do Carreirón, na zona centro, un lugar privilexiado para o avistamento de aves autóctonas e migratorias.

    Xa no final do percorrido atopamos unhas mesas de pedra, cunhas vistas impresionantes sobre a enseada do Espiñeiro, onde facer un alto e descansar.

  • Lugares de interese:

    O propio lugar que se vai visitar, tanto pola flora coma pola fauna, xa que forma parte do parque natural e é unha zona de reserva de protección de aves e flora.

    Os diferentes e orixinais cons de pedra, con formas para deixar voar a imaxinación, e os nomes dos lugares que percorremos.

    As mellores praias das Rías Baixas, na súa zona sur, totalmente protexidas do vento.

  • Actividades lúdico deportivas:

    Birdwatching e fotografía de aves: impartirase un obradoiro sobre as aves do ecosistema das Illas Atlánticas. Nel explicarase a técnica para a súa observación e as claves para a súa identificación, tanto en voo coma en terra. Ademais, introduciranse técnicas de fotografía de aves en voo, no medio mariño e en terra, así como algunhas consideracións de comportamento, enfoque…

  • Avituallamento: ao inicio, no intermedio e ao final da ruta
  • Agasallo: as persoas participantes que realicen polo menos tres rutas de Depo Andainas recibirán unha mochila como regalo exclusivo
  • Servizo sanitario individual e asistencia sanitaria en ruta
  • Asistencia turística durante a ruta e acompañamento durante todo o percorrido
  • Teléfono de contacto da organización: 670 892 307 (Alba González)
  • Horario de atención: de luns a venres, de 9.00 a 14.00 h e de 16.30 a 18.30 h

Recomendacións para as persoas participantes

  1. Calzado adecuado: zapatillas de sendeirismo ou montaña, botas de trekking e calcetíns de algodón ou material transpirable (non se recomenda estrear calzado o día da ruta)
  2. Gorra, viseira, sombreiro ou outro tipo de protección para a cabeza
  3. Mochila pequena e lixeira para levar accesorios persoais, unha botella de auga (a organización repartirá auga pero é importante que cada participante leve tamén unha botella) e protección para o sol
  4. Camiseta de algodón ou dun material transpirable (unha de manga curta e outra de manga longa). Non se recomenda levar camiseta de tiras polas rozaduras que podería ocasionar a mochila
  5. Suadoiro e chuvasqueiro para os cambios de temperatura e pola posibilidade de choiva
  6. Teléfono móbil, tarxeta sanitaria e DNI
  7. Recoméndase avisar, antes da realización da ruta, de posibles alerxias e/ou intolerancias, así como proporcionar calquera información importante no caso de urxencia sanitaria
  8. Debemos ser respectuosos co medio ambiente, coidando da fauna e da flora da ruta, sen ensuciar nin danar nada durante o percorrido

Descargas

18-06-2017