#DEPORTES

Suma na Escola

“Suma na escola +” é un proxecto que busca potenciar o deporte para transformalo e conseguir profundos cambios sociais.


A Deputación de Pontevedra debe afrontar numerosos retos no seu compromiso coa Axenda 2030; neste sentido, destaca a función transversal do deporte e da actividade física como ferramenta social e educativa para construír unha sociedade universalmente solidaria, tolerante e saudable. O deporte é unha parte fundamental dos programas escolares na maioría dos países da Unión Europea e desempeña un papel esencial na aprendizaxe e no desenvolvemento das nenas e nenos.

O Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 10. Redución das desigualdades (ODS 10) identifícase como un dos obxectivos fundamentais que se deben conseguir a través do deporte e da práctica da actividade física. Por medio do deporte, en especial do inclusivo, foméntanse valores coma o respecto, a igualdade, a empatía, a persistencia ou a superación.

Grazas a eles  podemos contribuír ao espírito do ODS 10, que pretende reducir a desigualdade de oportunidades non só entre os países, senón tamén dentro deles, ao promover a inclusión social, económica e política de todas as persoas, sobre todo das máis vulnerables.

Obxectivos

  • Impulsar o deporte como unha ferramenta de inclusión social e de redución das desigualdades
  • Crear novos modelos sociais no deporte en idade escolar na provincia de Pontevedra
  • Xerar e concienciar sobre a importancia de incluír e integrar as persoas con discapacidade
  • Afrontar o reto de transformación cara a unha sociedade máis inclusiva e solidaria
  • Promover a práctica da actividade deportiva entre as persoas con discapacidade, preferentemente nunha contorna inclusiva e nun marco próximo ao seu contexto escolar, social e familiar
  • Garantir o acceso ao deporte e á actividade física como ferramenta fundamental e imprescindible na igualdade de oportunidades
  • Mellorar a formación e a especialización en deporte e discapacidade das e dos responsables e profesionais da educación física e do deporte, tanto no ámbito escolar coma na sociedade
  • Comunicar e sensibilizar sobre a práctica deportiva inclusiva e para persoas con discapacidade tanto na sociedade coma no propio sistema deportivo

Actividades

  • Sesión ou xornada Deporte Inclusivo e Deporte e Discapacidade no programa escolar deportivo da Deputación de Pontevedra "DEPOrte Escolas ", que leva a cabo a Deputación de Pontevedra en varias modalidades deportivas en colaboración coas federacións.
  • Xornadas de deporte inclusivo na rúa; o programa tería unha xornada, que se desenvolvería na cidade de Pontevedra e que tería por lema “Iguais no deporte”, co que se quere promover que calquera persoa pode realizar e interiorizar a práctica deportiva.
  • Vídeo para darlle visibilidade ao programa, que constitúe un dos mellores métodos para presentar as actividades e os servizos das organizacións. Ademais de promover eficazmente as mensaxes, transmite emocións e xera confianza entre as e os usuarios.

Galerias de imaxes

ODS NOS QUE TEN IMPACTO