2024

Plan +Provincia

Plan de obras e servizos de competencia municipal

O Plan de obras e servizos de competencia municipal (Plan +Provincia) 2024 é de carácter anual e está financiado con fondos propios da Deputación e destinado a colaborar nas obras e nos servizos de competencia municipal dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.


O seu obxectivo é impulsar accións que lles permitan ás entidades municipais consolidar os criterios de desenvolvemento que favorezan a xeración de oportunidades, a creación de sinerxías cos axentes de cada lugar e a cohesión territorial.

Ademais, hai que ter en conta que a provincia de Pontevedra ten unha distribución e unhas necesidades territoriais moi diversas que repercuten directamente no conxunto da poboación.

No marco dos retos aos que hai que facerlles fronte determínase a necesidade de mellorar a prestación dos servizos públicos municipais, dotar os concellos de infraestruturas e equipamentos de calidade para impulsar a actividade económica, potenciar o acceso á contorna dixital e reducir a fenda poboacional ao orientar a acción pública cara os pequenos municipios rurais, as entidades máis afectadas pola desigualdade.

Para cumprir estes obxectivos, a Deputación pon en marcha un novo plan para financiar obras e servizos de competencia municipal con base en tres principios: cooperación, equilibrio e respecto á autonomía local.

O plan está conformado por catro liñas:

  • Liña 1: Investimentos
  • Liña 2: Actividades, gastos correntes e obras puntuais non cualificables como investimentos
  • Liña 3: Activación do emprego 2024
  • Liña 4: Redacción de proxectos para a transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas