Noticias
Sede electrónica de Tui

A sede electrónica do Concello de Tui está xa en funcionamento

A súa implantación supón unha importante reorganización interna, e facilita aos cidadás os trámites coa administración local sen ter que desprazarse


29 maio 2017

A sede electrónica do Concello de Tui está xa operativa dende hai uns días polo que os cidadáns poden realizar distintos trámites coa administración local dende esta plataforma sen ter que desprazarse presencialmente á casa do concello. A sede electrónica está accesible no enderezo http://concellotui.sedelectronica.gal/info.0 ou a través do enlace dispoñible en www.concellotui.org.

Esta nova ferramenta vén de modernizar a xestión administrativa ofrecendo aos cidadáns a posibilidade de realizar xestións a través de internet. Esta iniciativa vén cumprir a Lei 11/2007 de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2010 e que outorga este dereito aos cidadáns e que se consolida na Lei 39/2015 e 40/2015.

Deste xeito o concello de Tui pasa a converterse nun municipio punteiro en canto aos servizos prestados ao público. Ademais de aforrar tempo ao cidadán, evitando desprazamentos e esperas, os funcionarios axilizarán a xestión do seu traballo no concello coa xestión electrónica de expedientes. Amais supón un gran cambio na organización interna, que conleva unha mellor comunicación entre departamentos, e maior transparencia.  

O primeiro paso deuse o pasado 22 de marzo coa dixitalización de toda a documentación que se presenta por rexistro de entrada no Concello de Tui. Coa implantación da administración electrónica os cidadáns poden dirixirse de forma telemática ao Concello e recibir a información solicitada do mesmo xeito. Para iso é preciso que conten co DNI electrónico ou cun certificado electrónico para poder acreditar a súa identidade. De feito as empresas, asociacións e cidadáns autónomos colexiados deberán empregar preferentemente a vía telemática na comunicación coa entidade municipal.

Dende o Taboleiro Electrónico pódense consultar xa os distintos anuncios que publica o Concello de Tui en áreas coma emprego público, bandos, ordenanzas, axudas e subvencións...

A solución implantada pola empresa española esPublico, especializada en servizos xurídicos e modernización administrativa para a Administración Local, consta dunha aplicación que integra na mesma ferramenta a posibilidade de realizar rexistros electrónicos, expedientes dixitais dentro do concello e unha oficina virtual para o cidadán no que ademais de iniciar os seus trámites poderá informarse en todo momento do estado no que está a súa solicitude.

A ferramenta de esPublico, chamada Gestiona, caracterízase pola súa sinxeleza e facilidade de uso tanto para o funcionario como para o cidadán, contando coa máis nova tecnoloxía, cumprindo con todos os requisitos aos que obriga a lei.

A implantación da administración electrónica supuxo un investimento de superior aos 62 mil euros en concepto de actualización  equipos informáticos con fondos propios e da Deputación para a posta en marcha deste sistema.


Outras novas

Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende
Plan Concellos 2017

20 agosto 2017, cangas, plan concellos 2017, espacios de juego, espacios de xogo, zonas de ocio
Plan Concellos 2017

20 agosto 2017, cambados, plan concellos 2017, humanización