A vicepresidenta, Luisa Sánchez, asiste en Ponteareas á presentación da nova edición da Clásica Álvaro Pino

17/04/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu hoxe no Concello de Ponteareas á presentación da nova edición da proba ciclista Sestelo-Clásica Álvaro Pino, que terá lugar o próximo 26 de maio en terras do Condado, A Paradanta, Tui e Salceda de Caselas cunha previsión de arredor de 400 competidores. Luisa Sánchez asegurou que “un dos principais obxectivos da Deputación é darlle un grande impulso ao deporte” e lembrou neste senso o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, o apoio aos clubs e as e os deportistas da provincia ou a “atracción” de grandes eventos deportivos ao territorio provincial.

“Somos conscientes de que o apoio institucional é primordial para garantir que a Clásica Álvaro Pino se poida seguir celebrando e garántovos que seguiredes contando coa Deputación ano tras ano”, asegurou a vicepresidenta, á vez que lembrou que “seguiremos tendendo pontes con todo o sector porque é un eixe prioritario deste mandato”. Sobre a clásica, Luisa Sánchez destacou que “ademais de seguir os leitos dos ríos Miño e Tea, pasará por marabillosos recursos turísticos coma o castelo de Sobroso, que xestionamos desde a Deputación”, por iso asegurou que o 26 de maio “gozaremos xuntos da beleza do deporte e das paisaxes da provincia de Pontevedra, unha combinación que sempre resultará gañadora”.