Noticias
Igualdad

Ponte Caldelas municipaliza e mellora o servizo de atención xurídica e psicolóxica á muller e á veciñanza

Aposta por unha atención integral e sostible tras valorar as sentenzas, os informes técnicos e a volatilidade das subvencións doutras Administracións


24 xullo 2017

O Concello de Ponte Caldelas pasará a dispor dun servizo completamente municipal de atención xurídica e psicolóxica integral á muller e á veciñanza. Será un servizo pioneiro en Galicia, de calidade e perfectamente adaptado ás necesidades da sociedade e a unha política de persoal racional. A decisión adoptouse despois de valorar a última sentenza laboral, a raíz  da denuncia presentada polas traballadoras sobre a cadea de irregularidades cometidas polo anterior Goberno municipal ao longo de case 10 anos. Ademais, tivéronse moi en conta os informes dos técnicos municipais e os datos estatísticos de actividade.

O Goberno local tripartito, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, opta por non solicitar subvención diante da Secretaría Xeral de Igualdade, polo que o antigo CIM convértese nun novo servizo estritamente municipal sobre o que o Concello terá pleno control para a súa organización e xestión. Unha decisión na que tamén pesou a incerteza sobre o futuro dunhas subvencións financiadas pola Unión Europea e que rematan 2020, o que podería agravar a problemática laboral suscitada.

A última sentenza do Xulgado do Social número 4 de Pontevedra provocou fonda preocupación no Goberno local. A xuíza considera probado que a avogada e a psicóloga do CIM, como traballadoras autónomas, foron adxudicatarias dun contrato de servizos de xeito repetido ao longo dos 11 anos de existencia do servizo. Todo elo sen respectar os mínimos requisitos legais de concorrencia, publicidade e transparencia, "nunha auténtica ficción de contratación". Máis aínda, esta nova resolución xudicial sinala directamente ao anterior alcalde, ao que reprocha feitos tan irregulares como pagarlles as facturas nos períodos en que traballaron sen contrato, así como durante as  vacacións que el mesmo lles autorizaba, a pesar de que figuraban de alta na Seguridade Social como autónomas. Baseándose nestes insólitos antecedentes, a xuíza condena ao Concello a incluír á avogada e á psicóloga na Relación de Postos de Traballo (RPT) como persoal laboral fixo coa categoría equivalente ao grupo A1 e con antigüidade dende 2006. Ademais, o Concello terá que pagarlles os atrasos derivados desta categoría dende a entrada en vigor do convenio colectivo, en marzo de 2015, tamén co anterior Goberno local á fronte.

Por outra banda, outro Xulgado xa tiña anulado provisionalmente a decisión do Goberno local de non prorrogar o pasado 31 de decembro o último contrato de servizos que deixou asinado o anterior alcalde. Este fallo, que tamén recalca a manchea de irregularidades perpetradas polos anteriores dirixentes municipais do PP, está pendente da resolución do recurso presentado polo Concello diante do TSXG.

O actual Goberno local de Ponte Caldelas, en cumprimento das sentenzas, iniciou os trámites para modificar a RPT e incluír ás traballadoras autónomas no seu cadro de persoal, non sen antes lamentar que a porta de entrada á Administración non sexa a mesma para  todo o mundo e que o actual equipo municipal se vexa obrigado a asumir as consecuencias xudiciais das chapuzas do anterior.

Por tanto, co ánimo de endereitar unha xestión desastrosa anuncia a implantación deste novo servizo, que non só busca a  racionalidade na política de persoal, senón a mellora e  ampliación das súas funcións. Nesta decisión pesan especialmente os informes dos técnicos municipais, contrarios ao encadeamento de contratos e prórrogas, dos que o anterior Goberno local fixo ouvidos xordos, as necesidades administrativas do Concello e a análise das estatísticas de actividade tanto do CIM que funcionou entre 2006 e 2016, como do servizo de atención xurídica integral á veciñanza, con especial e prioritaria atención á muller, que o substituíu durante o primeiro semestre deste ano. Os datos recollidos indican que, ademais da asistencia ás vítimas de violencia de xénero, que seguirá a ser prioritaria, hai medios e recursos para atender tamén outro tipo de ámbitos que a sociedade demanda.

Ao Concello, dentro da autonomía municipal e o respecto á lei, correspóndelle organizar os seus servizos e facer valer os principios de eficacia, eficiencia e defensa do interese xeral. O equipo de Goberno opta, por tanto, por poñer en marcha un servizo municipal pioneiro en Galicia e integrado na súa estrutura administrativa. Que nace con vocación de sostibilidade e continuidade ao non ser dependente de subvencións volátiles doutras Administracións. Un servizo municipal de atención xurídica e psicolóxica que dará prioridade total e absoluta ao apoio e acompañamento ás vítimas da violencia de xénero e á promoción e defensa da igualdade, no marco dun compromiso firme cos valores dunha sociedade moderna e avanzada.


Outras novas

Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende
Plan Concellos 2017

20 agosto 2017, cangas, plan concellos 2017, espacios de juego, espacios de xogo, zonas de ocio
Plan Concellos 2017

20 agosto 2017, cambados, plan concellos 2017, humanización