Noticias
Os nenos de Ponte Caldelas gozan do mar practicando windsurf, paddle surf e kayak en Liméns

Os nenos de Ponte Caldelas gozan do mar practicando windsurf, paddle surf e kayak en Liméns

O Concello, Áurea, CHC Energía e a ANPA "Verduxo" fan posible que 80 rapaces reciban un curso de formación á metade do prezo de mercado


12 xuño 2017

Non todo é fútbol en Ponte Caldelas. Un total de 80 rapaces do colexio Manuel Cordo Boullosa gozarán esta semana dos deportes acuáticos grazas á colaboración do Concello de Ponte Caldelas con Áurea, a empresa local de telecomunicacións e enerxía; CHC Energía e máis a ANPA "Verduxo". Unha alianza á que se suma o "Liméns Wind&SUP Club", que é un referente neste eido.

A actividade, no paradisíaco escenario da praia de Liméns, na ría de Vigo, consistirá nun campus acelerado dunha mañá de práctica e achegamento ao windsurf, o paddle surf (especialidade que consiste en ir de pé sobre táboa e con remo) e o kayak de mar. Mañá martes participará o alumnado de 5º de Primaria e o mércores será a quenda do de 6º. Os asistentes estarán sempre supervisados por monitores e gozarán dun enfoque moi lúdico, coas máximas precaucións e medidas de seguridade.

O alcalde, Andrés Díaz, presentou a actividade acompañado do director do colexio Cordo Boullosa e concelleiro, Manuel Barreiro. Con eles estiveron a responsable de Áurea, Beatriz Estévez, e a delegada de CHC, Gloria Bustingorri. Ademais asistiu o director técnico do "Liméns Wind&SUP Club", Javier Enríquez.

O Concello faise cargo dos desprazamentos e Áurea e CHC Energía subvencionan o 50% do custo da actividade, que baixa así dos 16 euros habituais a só 8, que é o que deben asumir as familias dos rapaces. A ANPA tamén pon da súa parte ocupándose de todo o que ten que ver coas inscricións e a organización interna.

O club de Liméns é un dos máis prestixiosos de Galicia e conta con numerosos deportistas federados competindo dende as categorías base ata adultos. No seu empeño por abrir os deportes de mar ao gran público ocupa gran parte do seu tempo nestas estadías de formación intensiva con rapaces chegados de colexios, asociacións ou particulares, tanto de Galicia como de fóra.

Javier Enríquez, natural de Ponte Caldelas, destaca que hoxe case todos os nenos xogan ao fútbol "e iso está moi ben, pero tamén queremos que proben outras especialidades que nun concello de interior, como Ponte Caldelas, pódenlle resultan alleas". Beatriz Estévez destacou que Áurea é unha aposta pioneira en Galicia por achegar a fibra óptica e a banda ancha á poboación dende unha matriz empresarial relacionada coas enerxías sostibles. Agora quere colaborar tamén en achegar aos rapaces aos deportes do mar e o vento.

O alcalde, en nome de todo o grupo de goberno, integrado polos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e o BNG, está moi satisfeito desta posibilidade de diversificar a práctica deportiva entre a mocidade caldelán e non descarta novos pasos para fomentar o paddle surf e o kayak, tanto no río Verdugo como no embalse de As Eiras.


Outras novas

Administración electrónica

21 agosto 2017, administración electrónica, implantación
conectadas 2017

20 agosto 2017, pontevedra, mondariz, a estrada, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017, muller cultura, muller emprende
Plan Concellos 2017

20 agosto 2017, cangas, plan concellos 2017, espacios de juego, espacios de xogo, zonas de ocio
Plan Concellos 2017

20 agosto 2017, cambados, plan concellos 2017, humanización