A Deputación avanza en transparencia institucional coa posta en marcha dunha innovadora ferramenta para seguir os plenos baseada na intelixencia artificial

A mediateca “Séneca”, na que a institución provincial investiu 50.000 euros, suporá, tal e como avanzou Luis López “un grande avance na forma na que xestionamos e comunicamos a nosa actividade institucional”

26/04/2024

A Deputación de Pontevedra avanza en transparencia institucional coa posta en marcha dunha innovadora ferramenta para seguir os plenos da Corporación Provincial baseada na intelixencia artificial. Trátase da mediateca “Séneca”, na que a institución investiu 50.000 euros, que suporá, tal e como avanzou o presidente Luis López, “un grande avance na forma na que xestionamos e comunicamos a nosa actividade institucional, tanto cara a cidadanía como cara aos medios de comunicación, que a golpe de clic terá toda a información das sesións con total transparencia”.

O acceso a esta nova ferramenta poderá realizarse a través de https://www.depo.gal/web/edepo/o-pleno como ata o de agora. Soamente que se ata hoxe a opción que había era seguir en directo o pleno, a partir deste momento será posible obter información detallada de cada sesión, cos puntos do día, intervencións e votacións.

Ademais, a aplicación permitirá xerar textos a partir dos arquivos de vídeo, o que vai facilitar as buscas, a subtitulación automática e a información das vídeo-actas. Tamén será posible filtrar as intervencións de cada un dos deputados e, entre outras moitas utilidades, consultar, nas gravacións de cada sesión, as fotografías, as notas de prensa e outros arquivos relacionados.