O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, na inauguración da XXII Exposición da Camelia de Campolongo

19/03/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu esta tarde ao acto de inauguración da XXII Exposición da Camelia do CEP Campolongo, “unha mostra que se realiza desde hai máis de dúas décadas e xa se converteu nunha cita ineludible do inverno cultural da vila, e incluso da provincia”. Por iso, animou a comunidade educativa e a toda a veciñanza “a gozar da beleza desta flor, pero tamén a coñecer todas as posibilidades que ofrece moito máis aló da súa simple contemplación”.

Ata este xoves poderán visitarse no centro escolar un amplo abanico de especies que, un ano máis, converten esta exposición floral nunha mostra de exemplares destacados procedentes da contorna de Pontevedra. Exemplares dunha flor, a camelia, que, como remarcou Rafa Domínguez, “é un símbolo da nosa provincia e dos galegos, algo que nos identifica e co que tamén nós nos sentimos moi identificados”. Desta maneira, recalcou que “son cada vez máis as persoas que se animan a visitar a nosa provincia para coñecer algúns dos exemplares de camelia de interese histórico e botánico, así como pazos ou castelos, coma o noso de Soutomaior, con rutas específicas centradas nesta fermosa flor”.