A Deputación concédelle 35.000 euros ao Concello de Lalín para instalar sistemas de marcadores no estadio Manuel Anxo Cortizo e no pavillón municipal

Estes recursos súmanse aos case 70.000 euros que xa recibiu Lalín ao abeiro do Plan de infraestruturas deportivas para actuacións en diferentes equipamentos

23/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de case 35.000 euros ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para o Concello de Lalín, que lle permitirá adquirir sistemas de marcadores tanto para o estadio Manuel Anxo Cortizo coma para o pavillón municipal de deportes. En total, o Concello de Lalín xa recibiu 102.000 euros para renovar infraestruturas deportivas municipais ao abeiro deste plan, xa que aos recursos que acaban de ser comprometidos hai que engadirlle outros 67.000 euros destinados a diferentes actuacións no mesmo estadio e no Lalín Arena.

O Concello de Lalín dedicará esta nova achega de 34.848 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas a renovar os marcadores do estadio Manuel Anxo Cortizo e do pavillón municipal de deportes xa que, na actualidade, están obsoletos e requiren constantes reparacións. En concreto, para o Manuel Anxo Cortizo adquiriranse dous marcadores para exteriores, un de 12 módulos e outro de 6, para cada un dos campos, mentres que o pavillón municipal recibirá un marcador de 6 módulos. En ambos os casos inclúese a instalación completa dos marcadores, que terán características como indicadores de tempo, de faltas de equipo, de contas regresivas etc., así como os sistemas de soporte.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento máis de 1,8 dos 4 millóns de euros orzamento total, con achegas, ademais de para Lalín, para A Cañiza, A Estrada, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.